En liña co seu obxectivo de implicarse en proxectos colaborativos a nivel internacional para impulsar a innovación e a sustentabilidade nas súas empresas socias, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) participa no proxecto HIGHFIVE, enHancing dIgital and Green growtH in the Food processing industry via Interregional innoVation invEstments. Trátase dunha iniciativa financiada pola Unión Europea e implementada por un consorcio de 20 socios, entre os que se encontran Clusaga e seu socio ITG, cuxo obxectivo é promover a transición verde e dixital da industria alimentaria.
A través da inversión en innovación interrexional, HIGHFIVE pretende prestar apoio á cadea de valor do procesado de alimentos en Europa e proporcionar ás empresas medios e ferramentas para afrontar os seus principais desafíos globais, como son a alta competitividade internacional, as barreras do mercado e a innovación, e a necesidade urxente dunha transición dixital e ecolóxica. Así, agárdase que o proxecto contribúa a crear un sector alimentario máis sostible, resiliente e rendible, repercutindo de forma directa na mellora da calidade e competitividade das empresas.
A primeira convocatoria de apoio de HIGHFIVE está destinada a respaldar actividades de pemes que contribúan a desenvolver e implementar as súas solucións tecnolóxicas, produtos ou procesos testados nun entorno real. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 31 de agosto ás 17.00 horas.
As pemes que resulten beneficiarias desta axuda poderán recibir ata un máximo de 60.000€, cunha taxa de financiamento do 100%, para executar proxectos cun orzamento total máximo de 120.000€ e de 12 meses de duración.
Un dos requisitos fundamentais para poder optar a estas axudas é que a empresa se atope nalgún dos seguintes países: Bélxica (rexións de Flandes e Valonia) Francia (rexións de Bretaña, Occitania, Nouvelle-Aquitaine e Auvergne-Rhône-Alpes), Alemaña (Nordrhein-Westfalen), Hungría (rexións de Közép-Magyarország, Dunántúl, e Alföld és Észak), Lituania, Países Baixos (rexión de Brabante Septentrional), Eslovenia, Finlandia (rexión de Länsii-Suomi) ou España (rexións de Galicia e Navarra).
A presentación de solicitudes debe efectuarse a través da ferramenta dispoñible na web do proxecto. Para máis información poden consultarse os termos e condicións da convocatoria.