Un dos obxectivos do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) é apoiar a entrada das súas entidades socias a novos mercados internacionais. Nesta liña, entre o 19 e o 23 de xuño, participou nunha Misión Comercial Internacional a Xapón para pemes alimentarias europeas, na que involucrou ás súas asociadas YowUp! e Real Conservera Española. Estas empresas participaron na misión como beneficiarias dos cheques financeiros que ofrece o proxecto europeo F2F Health Matters, unha aceleradora de internacionalización para empresas do sector da alimentación saudable, as bio-solucións e a agrotecnoloxía, e da que Clusaga forma parte.
A delegación de pemes participantes na misión, procedentes de España, Bélxica, Francia, Portugal e Eslovaquia, desfrutou de reunións colectivas e individuais con importadores, da exposición dos seus productos nas instalacións da consultora responsable da organización da misión durante toda a semana, da participación en workshops e de visitas guiadas a supermercados e tendas especializadas para coñecer de primeira man o mercado xaponés.
Asimesmo, organizáronse distintas actividades de networking para fomentar as relacións entre as empresas participantes, o consorcio de F2F Health Matters e outros grupos de interese en Xapón. Como broche final, as empresas tiveron a oportunidade de asistir á JAPAN’S FOOD EXPORT FAIR, unha destacada feira de alimentación no país que permitiu ás pemes establecer contacto con potenciais novos socios comerciais.
Xapón foi o segundo país seleccionado no marco do proxecto F2F Health Matters para orientar as súas convocatorias de axudas, tras unha primeira Misión Comercial levada a cabo en Canadá en novembro de 2022, na que participaron as empresas socias de Clusaga Mieles Anta, Healthinfoods e Quescrem.
Do mesmo xeito que na convocatoria previa, nos meses anteriores á misión as empresas beneficiarias das axudas puideron participar no Elite Programme do proxecto, un programa de trainig e coaching personalizado e adaptado ao mercado. O obxectivo do mesmo foi preparar ás pemes beneficiarias, acelerando as súas capacidades de desenvovlemento empresarial nese territorio.
A terceira e derradeira convocatoria de apoio á internacionalización, que ten coma mercado destino o de Emiratos Árabes Unidos, permanece aberta na web do proxecto ata o vindeiro 5 de xullo. Do mesmo xeito que nas dúas previas, as pemes alimentarias poderán optar a cheques de viaxe ou consultaría, involucrarse na misión colectiva de internacionalización organizada no marco do proxecto e mesmo participar no Elite Programme enfocado ao mercado árabe.
Esta aceleradora de internacionalización para pemes alimentarias está dinamizada pola alianza de Clusaga, BioEconomy Cluster, InovCluster, Valorial e Wagralim. A finalidade do proxecto é proporcionar un paquete completo de servizos para fomentar a colaboración internacional dun conxunto de pemes das rexións participantes e o seu desenvolvemento comercial en algún dos tres mercados obxectivo: Canadá, Xapón e Emiratos Árabes Unidos.