Deste traballo é resultado o novo Catálogo de Servizos de Clusaga para o 2023, que abrangue prestacións en materia de mercados, internacionalización, sustentabilidade, economía circular, innovación e transformación dixital.
A oferta está composta por catro servizos, nomeadamente Servizo Insights, Servizo Circulariza, Servizo Innpulsa e Servizo Exporta. Estes foron redefinidos atendendo ás principais inquedanzas e demandas da industria alimentaria de Galicia, que afronta un novo ano con retos relativos á mellora dos procesos de produción, ao incremento das relacións comerciais e de exportación, á incorporación de novas tecnoloxías ou prácticas sostibles á actividade empresarial ou á ampliación de canle de venda e penetración de produto nos fogares.
Os servizos de Clusaga foron deseñados con vocación de atender ás necesidades das empresas sociais, ofrecéndolles un acompañamento profesionalizado para a toma de decisións estratéxicas e permitindo que poidan implementar, baixo criterios de eficacia e eficiencia, os avances que garanten a competitividade das súas empresas e a diferenciación dos seus produtos.
Nesa mesma senda, o actual Catálogo de Servizos de Clusaga pon á disposición dos socios e socias de Clusaga o expertise do Equipo Técnico do Clúster, xunto co know how de cada responsable de Servizo, de cara a artellar as solucións máis viables e acertadas para o contexto das empresas do sector da alimentación e bebidas.
Nas vindeiras semanas Clusaga promoverá webinars divulgativos dos Servizos, reunións informativas e difusión de contidos, que permitirán ter un maior e mellor coñecemento do alcance da nova oferta, agardando que a boa acollida e demanda que teñan entre as empresas asociadas dea continuidade ao traballo que xa se ven desenvolvendo nos últimos anos.