O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) participa nos proxectos colaborativos nacionais SmartLabels e HSI-FOOD, que foron seleccionados na última convocatoria do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI), convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, co obxectivo de mellorar a competitividade e avance cara á fábrica do futuro da industria alimentaria galega.
Os proxectos, que foron seleccionados dun total de máis de 250 candidaturas, supoñen un investimento próximo aos 400.000€ e desenvolveranse até marzo de 2021. Neles participarán diferentes centros tecnolóxicos, clústeres e empresas alimentarias de Galicia, Cataluña e Castela e León, entre as cales se atopan diferentes entidades socias de Clusaga.
O desenvolvemento de SmartLabels e HSI-FOOD supón un impulso da I+D e un reforzo da capacidade innovadora na industria alimentaria galega, dúas das principais liñas de actuación do plan estratéxico de Clusaga, ademais de favorecer a cooperación entre empresas e centros tecnolóxicos e de investigación.
O proxecto HSI-FOOD ten por obxectivo testar o uso de tecnoloxía fotónica hiperespectral para a determinación de parámetros de calidade en materias primas e produto final, desenvolvendo modelos matemáticos para diferentes matrices alimentarias. Isto permitirá avaluar o encaixe desta tecnoloxía e dos modelos matemáticos desenvolvidos nos procesos produtivos das empresas, mediante técnicas de machine learning e de sistemas de procesado computacional intensivo.
Clusaga encárgase de coordinar este proxecto no que tamén participan as empresas alimentarias Galifresh e Daveiga e o centro tecnolóxico ANFACO-CECOPESCA, todas elas entidades socias do Clúster.
Pola súa banda, SmartLabels é unha iniciativa interclúster e transnacional, promovida por clústeres das comunidades autónomas de Cataluña e Galicia, que ten como propósito desenvolver e testar novas tecnoloxías de impresión para a fabricación de etiquetas intelixentes contactless.
No proxecto se testarán tecnoloxías de electrónica impresa NFC e códigos bidimensionales con tintas invisibles. O seu desenvolvemento permitirá ás empresas do sector vitivinícola avaliar os beneficios e viabilidade de integrar estas tecnoloxías nos procesos produtivos das adegas para poder realizar un control máis exhaustivo da trazabilidad dos seus produtos. O uso deste tipo de etiquetas intelixentes en packaging alimentario permitirá mellorar aspectos como a trazabilidad, a autentificación, a monitorización ou a mercadotecnia.
O consorcio deste proxecto, liderado polo Packaging Cluster de Cataluña, está formado por Clusaga, EURECAT Centre Tecnològic de Catalunya e as empresas IPE Industria Gráfica, Bodegas Paco & Lola e Bodegas Matarromera.