En liña co seu obxectivo de fortalecer a colaboración e a innovación no sector alimentario, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organizou a semana pasada unha visita de estudo na que organizacións europeas tiveron a oportunidade de coñecer distintas empresas do sector alimentario galego para establecer futuras colaboracións. Esta iniciativa enmárcase no proxecto europeo AgriFoodX5.0, no que participa Clusaga, e que busca transformar o sector alimentario mediante a incorporación dos valores da Industria 5.0.
O programa deste evento híbrido de matchmaking desenvolveuse os días 14, 15 e 16 de xuño, incluíndo diferentes eventos de difusión e de networking, así como reunións B2B. A iniciativa tivo unha excelente acollida, contando coa participación de clústeres alimentarios europeos, centros tecnolóxicos e empresas do sector interesadas en establecer colaboracións con Galicia.
O 14 de xuño, de xeito conxunto co Foro & Premios Galicia Alimentación, onde se deu cita o sector alimentario galego para analizar os seus grandes retos globais, abordar cuestións estratéxicas e debater sobre o futuro, celebráronse as reunións de matchmaking presenciais. Co obxectivo de fomentar colaboracións a nivel europeo entre os participantes que non puideron asistir ao evento de xeito presencial, habilitouse a posibilidade de manter reunións B2B online a través da plataforma B2Match de AgrifoodX5.0 os días 15 e 16 de xuño.
En total, máis de 110 representantes de entidades de diferentes países europeos participaron nestas reunións B2B, que permitiron expandir as redes de colaboración das persoas involucradas, facilitando a conexión entre empresas e oorganizacións que traballan no sector alimentario e outros relacionados.
O 15 de xuño leváronse a cabo visitas ás instalacións de destacados socios de Clusaga. En primeiro destino foi o recoñecido centro tecnolóxico ANFACO-CECOPESCA, onde se exploraron proxectos innovadores e se visitaron os seus laboratorios e planta piloto. Ademais, os participantes desfrutaron dunha visita guiada polo seu museo da conserva, resaltando a historia e a innovación do sector conserveiro.
A seguinte parada foi a sede de Real Conservera Española, onde os asistentes presenciaron os métodos de conservación utilizados pola entidade e experimentaron a autenticidade e calidade dos produtos conserveiros a través dunha cata das súas conservas máis características.
A axenda culminou coa visita a Bodegas Martín Códax, onde os asistentes descubriron a historia e a excelencia enolóxica da rexión, especialmente dos seus recoñecidos Albariños. Durante esta visita, ofreceuse unha cata guiada para apreciar plenamente os sabores e aromas únicos dos seus viños.
O 16 de xuño tivo lugar unha reunión de traballo para abordar os avances do proxecto AgrifoodX5.0 e deliñar as accións futuras necesarias para o seu éxito continuo e para a continuación de colaboracións a longo prazo.
O programa da visita de estudo ao sector alimentario galego organizada por Clusaga demostrou unha vez máis o compromiso do Clúster co impulso á innovación e a colaboración no sector. O intercambio de coñecementos, as visitas a empresas destacadas e as reunións estratéxicas levadas a cabo no marco desta aactividade, permitiron fortalecer as alianzas e sentar as bases para colaboracións futuras entre o sector alimentario galego e outras rexións europeas.
O proxecto Cluster Excellence Improvement through cluster Exchange for Industry 5.0 (AgrifoodX5.0) busca ofrecer ás pemes un programa de servizos baseado na excelencia para avanzar cara o concepto Industria 5.0 no sector alimentario. Trátase dunha iniciativa financiada pola Unión Europea na que participa Clusaga da man doutras catro agrupacións empresariais innovadoras de Europa.