O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) aposta pola Intelixencia Artificial (IA), visión artificial e Edge Computing nun novo proxecto a prol da competitividade do sector alimentario galego. Trátase da iniciativa IA40WASTE que, cun espírito baseado na metodoloxía lean, pretende acadar a máxima eficiencia dos procesos produtivos e reducir o desperdicio alimentario a través da minoración de produto desbotado nos procesos industriais, ao tempo que fomenta o máximo rendemento das materias primas.
O proxecto IA40WASTE recibe financiación da convocatoria 2023 de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo (MINCOTUR) e, baixo a coordinación de Clusaga, conta para a súa execución cun consorcio composto por dúas empresas tecnolóxicas (TripleAlpha Innovation, S.L. e LOGICMELT TECHNOLOGIES, S.L.) e dúas empresas alimentarias (Kiwi Atlántico, S.A. e Pereira Productos del Mar, S.A.) e a Asociación para a Dixitalización da Industria de Galicia (DIHGIGAL). Conta, ademais, coa empresa Alia Technologies, S.L. como colaboradora.
O proxecto IA40WASTE empregará tecnoloxías punteiras cun dobre propósito: acadar a maior eficiencia nos procesos produtivos industriais ao tempo que se minoran as mermas e se obtén o máximo rendemento posible das materias primas.
Para lograr o anterior, partirase dunha novidosa plataforma de operacións baseada nunha fonda análise dos procesos de produción e da monitorización en tempo real dos seus puntos chave. Toda esta información, recollida en dashboards, axilizará a toma de decisións en canto ás modificacións necesarias a implementar para acadar os máximos de produción que determine cada empresa.
Xunto a IA40WASTE, Clusaga está a coordinar a execución doutros tres proxectos beneficiarios da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. VitIA 5.0 pretende mellorar a produtividade e sustantabilidade do sector vitivinícola mediante a aplicación de IA, IoT e biotecnoloxía; MEATwin permitirá mellorar a planificación e produción do sector cárnico mediante a recollida de datos, sensorización e visualización de indicadores; e DIG4.0VO, cuxo obxectivo é o sector avícola de posta, oriéntase a lograr unha cadea de valor eficiente, de calidade, comprometida co desenvolvemento sostible e con garantías de benestar animal.
Todas estas iniciativas, coordinadas e presentadas por Clusaga, contan co apoio da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada dende o Clúster para que o sector da alimentación e das bebidas galego saque o máximo partido posible dos fondos NextGenEU.
Xunto cos proxectos anteriores, Clusaga involúcrase na execución doutros dous pertencentes á mesma convocatoria do MINCOTUR mais, neste caso, en calidade de membro do consorcio. Powerlog, liderado por DIHGIGAL, enfócase á optimización da loxística na industria marítima a través dunha plataforma baseada en IA e computación cuántica; mentres que AGROVOLTECH, cuxo consorcio lidera o Clúster de Energía del País Vasco (ACE), oriéntase cara o desenvolvemento dunha solución agrovoltaica intelixente, baseada en modelos fonolóxicos e sensórica avanzada.
En total, estes 6 proxectos involucran a 24 entidades socias do Clúster, das cales 7 son empresas do sector da alimentación e das bebidas, ás que Clusaga acompaña na súa transformación dixital.